Queridas familias:
Ante as novas que saíron esta semana nos medios sobre os grupos de Whatsapp de contido pornográfico nos que foron incluídos certos/as rapaces/zas do concello de Ames e a súa difusión centrando a atención da prensa no noso IES, queremos manifestar o seguinte:
- O día 27 se puxo en contacto con nós unha familia para contarnos que foran vítimas destes sucesos e que ía saír na prensa, para saber cal era a nosa valoración.
- Indicamos que era a primeira nova que tiñamos pero que informaríamos ás familias para que estiveran atentas.
- Enviamos unha mensaxe por escrito a El Correo Gallego para indicar que non tiñamos constancia máis que dese caso que nos comunicaron e que incidíamos na pedagoxía no uso das tecnoloxías.
A ANPA manifestou ademais a súa preocupación pola imaxe negativa que se puidese dar do centro.
Esta é unha cuestión que afecta tamén a outros centros da comarca, segundo nos informaron algunhas familias desde a publicación da primeira nova, e a toda a sociedade. Non está exclusivamente vencellada de ningún xeito co profesorado nin coa convivencia no IES do Milladoiro. Como dixemos no primeiro comunicado, o uso do móbil está prohibido no noso centro e traballaremos para que se garanta o cumprimento desa norma por parte de toda a comunidade educativa. Tamén recalcamos xa, e seguimos a facelo, que é moi importante a labor pedagóxica que nos corresponde como comunidade educativa. A ANPA está a traballar na elaboración dun Programa de Actividades que inclúa tamén actividades sobre o bo uso das tecnoloxías e o seu efecto nos menores, entre outras.
En todo caso, a única diferenza entre o IES do Milladoiro e calquera outro da contorna o da nosa Comunidade Autónoma pode ser o volume de alumnado. No Milladoiro somos “máis” e tamén “máis diversos”, o cal é unha verdadeira riqueza porque os/as nosos/as fillos/fillas son exemplo de convivencia. No curso 2018-2019 había no noso centro 54 docentes, hoxe temos 59, un incremento que no parece ser acorde ao aumento da poboación de alumnado, 478 alumnos no 2018-2019 fronte a 573 alumnos a 20 de novembro deste ano, que poden aumentar ata final de curso. É dicir, mentres que os número de docentes aumentou só un 9% dende o nivel pre-pandemia, o número de alumnos fíxoo un 19%. Con todo, no noso centro profes e alumnos traballan arreo, non só nas aulas senón tamén en horario non lectivo, como podemos ver aquí.
Boa fin de semana.
A Xunta Directiva da ANPA do IES do Milladoiro (“Anpamilla”)